Monday 06 de May de 2024

Medio Ambiente encomenda a Sogama a xestión de cinco toneladas diarias de residuos sanitarios


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá ás instalacións deste Complexo medio ambiental que, a solicitude do Sergas e de xeito provisional, valorizará enerxeticamente estes residuos
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o Complexo Medio Ambiental de Sogama en Cerceda iniciará a xestión de ata cinco toneladas diarias de residuos sanitarios, principalmente de mascarillas, guantes e equipos de protección individual que se consideran un residuo non perigoso; procedentes de sectores ou actividades con baixa probabilidade de exposición, que -tal e como vén recomendando o Goberno galego- deben ser almacenados en bolsas específicas e depositados en caixas de cartón precintadas no punto de orixe.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as instalacións de Sogama nas que se definiu unha área específica para o pretratamento, onde se procederá á trituración e acondicionamento dos mesmos para que poidan ser destruídos na planta termoeléctrica a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo así a eliminación de patóxenos e outros elementos nocivos.

A encomenda que se encarga a Sogama será provisional e excepcional e levarase a cabo de forma independente á dos urbanos. Este proceso, ademais de ser independente desde o punto industrial, tamén o será desde a dimensión laboral, xa que se evitará o contacto cos operarios que traballan nas plantas do Complexo medioambiental, habilitando zonas diferenciadas de vestiarios, distintos horarios e evitando compartir zonas comúns.

Tal e como explicou a conselleira, os residuos sanitarios que chegarán a Sogama está catalogados como clase II e clase III, presentando moi baixo risco de infección; mentes que os de clase IV, é dicir, os citotóxicos e citostáticos, e os de clase V (outros residuos perigosos), seguirán o seu propio curso desde os centros dependentes do Sergas a xestores autorizados.

Con esta medida, a Xunta quere dar unha solución a un residuo antes anecdótico e que –por mor da crise sanitaria do Covid-19- agora está presente na vida dos galegos, coa infraestrutura industrial e a tecnoloxía dispoñible e adecuada para tratar de forma óptima ditos refugallos sanitarios, evitando así o elevado risco ambiental e de saúde pública engadido que suporía unha ineficiente xestión dos mesmos.

Esta medida tamén é un apoio ás instalacións encargadas da xestión dos residuos sanitarios en Galicia, pois no marco da actual crise sanitaria orixinada polo coronavirus a produción deste tipo de refugallos disparouse de forma exponencial en hospitais, ambulatorios, centros de saúde e outras dependencias.

Neste sentido, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), seguindo as instrucións publicadas polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recorreu a Sogama para que esta fracción de refugallos reciba a mellor xestión posible; polo que a Consellería de Medio Ambiente (a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático) autorizou administrativamente a Sogama para levar a cabo este labor, tal e como están a realizar outras plantas destas características en distintos puntos de España.